un espazo para o estudo da conduta dramática / da pedagoxía teatral

teatro e educación, expresión dramática, expresión teatral, conduta dramática, xogo dramático, xogo de roles, pedagoxía teatral, pedagoxía do teatro..., puro teatro


miércoles, 12 de mayo de 2010

pedagoxía social


Training the cyborg?
Defensa da animación teatral como instrumento de educación e transformación social

Manuel F. Vieites

Un traballo de 2006. Máis referencias ao remate do mesmo

Cando o filósofo alemán Jürgen Habermas propón o patriotismo constitucional como vacina fronte á guerra de identidades, de relixións ou de civilizacións, ás que semellamos estar abocados, mostra a importancia que poden ter conceptos como “cidadanía”, “esfera pública”, “participación”, “razón crítica” ou “acción comunicativa”. Son termos que tamén nos remiten a outros non menos transcendentais como “capital social”, “capital cultural”, “concientización” ou “complexidade”. Unhas ideas poderosas que, en efecto, derivan ou pertencen a un determinado ideario social, ideolóxico e político, que nace dunha revisión crítica, e mesmo dolorosa, do vello ideario da ilustración. Un ideario que aumenta a súa validez a medida que medra a barbarie, o que demostra a necesidade de reformular o programa da modernidade, insistindo unha vez máis na emancipación individual e colectiva como principio dunha sociedade máis xusta, solidaria, humana, sostible e capaz de rexenerarse a si mesma. O cyborg non pode ser a solución de continuidade do ser humano.
Porén, para que os individuos que conforman o corpo social, e que non sempre forman parte da cidadanía, tomen conciencia da transcendencia dese patriotismo constitucional, que garante moitos deberes e bastantes dereitos, na conformación dunha sociedade mellor na que o individuo non se dilúe na masa (da etnia, da relixión, do clan), cómpre que todos eles e todas elas posúan a capacidade e a vontade de manter unha mirada crítica en relación co seu entorno e coa súa propia persoa. E esa mirada crítica non é herdada, senón que se constrúe a través da acción; unha acción que implica relación, comunicación, comprensión ou interpretación, procesos que se dan de forma conxunta en tanto o individuo se sitúa na esfera social. Está claro que todas esas mulleres condenadas a agochar a súa identidade, o seu corpo, a súa voz, o seu ser todo, agás a mirada, en tantas partes do mundo (e non só nas sociedades islámicas e musulmanas) teñen enormes dificultades para desenvolver unha mirada crítica que se asente na razón dialéctica. Ora ben, a negación permanente a que as somete o peso dunha tradición misóxina e patriarcal, e bastantes quilos de noxentos farrapos de cor escura, tamén pode ser o alicerce dunha rebelión que, infelizmente, son sempre acaba por estourar. De igual maneira, moitos dos emigrantes que cruzan o Río Grande en dirección aos Estados Unidos de América non teñen outro soño que converterse en novos ricos que poidan volver ao seu país cun bo coche e os billetes de cen dólares rebordando os petos dos pantalóns. A alienación é unha das principais barreiras que debe superar calquera programa que pretenda asentar a razón crítica nas pautas de conducta de individuos para a súa transformación efectiva en cidadáns e cidadás. Homes e mulleres con dereitos e deberes, capaces de alentar o espírito republicano nunha república na que a deliberación e o consenso sexan principios básicos da conduta e das relacións humanas. Deliberación e consenso entre iguais que, como ben sinalaba a profesora Adela Cortina, hai que instalar en todas as ordes da existencia, desde o núcleo familiar ata o lugar de traballo, desde a cámara municipal ao parlamento nacional.          
Na difícil consecución dese ideal patriótico, constitucional e republicano que propoñen os diversos autores e autoras convocados neste traballo, o teatro, e máis concretamente a animación teatral, pode ter un rol ben importante. Se entendemos que a educación social ten moito que ver con ese ideal, alomenos se a entendemos desde unha perspectiva crítica, tamén poderemos concluír que un dos retos fundamentais que se lle presentan á Pedagoxía social radica no pleno desenvolvemento da Animación teatral como instrumento de intervención social, de formación para a cidadanía e no desenvolvemento comunitario. O teatro é unha arte eminentemente social. Unha arte que, para existir como tal, precisa da presenza activa de actores e espectadores, daqueles que accionan para que os miren e daqueles que ao mirar tamén accionan, pois mesmo que os seus corpos estean quedos, as súas mentes están activas, o que implica sempre unha actividade corporal. Por iso os espectadores adoitan participar de forma activa, implicando todo o seu ser nese traballo de recepción. O teatro aparece así como a máis social das artes, cunhas enormes posibilidades para mobilizar.
Nun momento en que tanto se usa e abusa do concepto “alfabetización”, para falar así de “alfabetización audiovisual”, “alfabetización tecnolóxica”, non estaría de máis falar dunha sorte de “alfabetización cidadá”. Unha liña de traballo orientada a poñer nas mans de homes e mulleres as ferramentas para coñecer e facer valer eses deberes e dereitos que, a través do patriotismo constitucional, teñen como finalidade lograr aqueles obxectivos de liberdade, igualdade e fraternidade.
Recentemente o Goberno español acaba de aprobar a inclusión no currículo escolar obrigatorio dunha nova área de formación denominada “educación para a cidadanía”, e, con independencia de que os contidos que se propoñen para a dita área, sexan pertinentes, temos a sensación de que unha vez máis o goberno de José Luís Rodríguez Zapatero vén de descubrir o “mar mediterráneo”. Certamente os contidos que se pretenden vincular con esa materia son moi importantes, mais entendemos que de novo se abre un espazo e un tempo educativo no que os saberes conceptuais se van situar por riba dos procedimentais e dos actitudinais, no que as cabezas do alumnado vai servir de imaxe de todo o seu corpo. Como sinalaba Fiorenzo Alfieri na introdución ao volume A scuola con il corpo, editado en Florencia en 1974, “a escola debe saber como acoller nenos enteiros e non só cabezas de nenos”. A aprendizaxe da cidadanía, a “alfabetización cidadá” só pode chegar a través da praxe real, ou figurada en ocasións, da cidadanía en ese camiño a educación teatral podería ter un rol fundamental.
No estudo dos procesos de desenvolvemento dos pobos e da cultura sempre acaba por aparecer o teatro. Nuns casos de maneira clara e precisa, como acontece en Grecia, ocupando o espazo central da esfera pública; noutros a través da presenza de diferentes manifestacións da teatralidade e da dramaticidade en ritos, celebracións, festas e costumes, que hoxe cobran forza en moi diversos puntos como elementos para a “animación sociocultural”, para a “animación turística”, para a “posta en valor do propio”. O ser humano, por razóns moi variadas, establece así un mecanismo sumamente útil para confrontarse como tal, para recrear outros mundos e realidades, para enfrontar, coñecer e comprender o “eu” e os outros, o presente e o futuro, mesmo para lembrar o pasado como veremos.
O presente capítulo non ten como finalidade mostrar como teatro e educación social son dúas realidades en permanente interacción desde o inicio dos tempos, senón considerar algunhas razóns para recuperar e potenciar esa interacción no momento actual sen deixar de subliñar os motivos que aconsellan esa recuperación. Trátase dunha visión breve, case telegráfica, que seguramente os lectores e lectoras saberán complementar coas súas propias achegas e consideracións. Unha visión na que tentaremos formular preguntas que entendemos relevantes no momento actual.
 
1. Actualidade da educación social. En todo o mundo se desenvolven proxectos vinculados coa educación social, entendida esta nunha perspectiva ampla, como a que nos propoñen os profesores Antonio Petrus (1999) ou José Antonio Caride (2005). En todo tempo e lugar deste planeta, que día a día deixa de ser noso para pasar a outras mans, hai persoas participando en proxectos que se abeiran ao campo da Pedagoxía social e día a día aumentan as organizacións, entidades e iniciativas vinculadas a un movemento que coñece moi diversas conceptualizacións e variantes, en función de cuestións xeográficas, culturais e mesmo lingüísticas, sen esquecer as históricas. Abonda con ollar a inxente información e documentación que nos ofrece a World Wide Web para tomar conciencia desa riqueza e diversidade. Trátase dun sintagma sobre o que levan escrito traballos moi diversos, nos seus presupostos, na orientación, nos contextos de partida e de referencia (culturais, históricos e xeográficos), na finalidade, tamén na ideoloxía. Estamos pois diante dun concepto aberto, que admite unha considerable pluralidade de acepcións, polo que semella oportuno realizar algunhas consideracións verbo da maneira en que o concibimos pois desa súa concepción van depender as relacións que poidamos establecer coa teoría e a práctica do teatro.
No traballo titulado “Concepto de educación social”, Antonio Petrus (1998: 20-32) analizaba algunhas maneiras de explicar o sintagma, que poden ter especial interese na hora de establecer a súa relación coas diferentes tipoloxías de práctica teatral e co que nós definimos e presentamos como Animación teatral. Presentaba varios campos de análise, vinculados con finalidades e contidos, que agora imos analizar, sequera aqueles que máis relación poden ter a respecto da praxe teatral. Vexamos:

  1. A educación social como un proceso de adaptación do ser humano ao seu medio físico, social e cultural, ...
  2. A educación social como un proceso de adquisición de competencias comunicativas e sociais, derivadas da necesidade de interacción dos individuos co seu medio físico, social e cultural e das posibilidades de participación activa na vida da comunidade... Como sinala Anthony Giddens (1996), “no modelo dramatúrxico que utiliza Goffman, a vida social concíbese como se fose unha representación de actores nun escenario -ou en moitos escenarios, dado que o noso modo de actuar depende do rol que esteamos desempeñando nun momento dado. A xente é moi sensible á maneira en que os ven os demais e utiliza moitas formas de manexar a presentación para asegurarse que os demais reaccionan como eles desexan.”
  3. A educación social entendida como un proceso de compensación ou reequilibrio fronte aos diversos desaxustes que afectan a diferentes sectores da poboación, fundamentalmente aos máis desfavorecidos ... unha posición claramente ilustrada e lembramos, seguindo a Ángel I. Pérez Gómez (1993: 30), que “a igualdade de oportunidades non é un obxectivo ao alcance da escola, pero paliar en parte os efectos da desigualdade e preparar a cada individuo para loitar e defenderse nas mellores condicións posibles no escenario social, si é un reto educativo da escola contemporánea.”
  4. A educación social como instrumento fronte á inadaptación, a marxinación e a exclusión. Non sempre as expectativas ou as medidas compensadoras cumpren os seus obxectivos de modo que os desequilibrios iniciais seguen existindo, o que non só conduce a aumentalos, co conseguinte incremento da  fragmentación social, senón que eses fracasos implican a aparición de conductas socialmente non desexadas ou provocan a marxinación, a exclusión e, o que pode resultar aínda peor, a autoexclusión.
  5. A posibilidade de entender a educación social como formación política é, quizais, un dos retos fundamentais na medida en que se entenda como unha formación para a plena participación do individuo na vida política da súa comunidade. Unha participación que ten moito que ver co concepto de sociedade civil e coa democratización da vida pública, de xeito que os individuos que conforman o corpo social se sintan partícipes e corresponsabeis na análise de problemáticas, na busca de solucións e na resolución deses e doutros problemas que, por regra xeral, afectan a todos.
  6. A educación social é unha tarefa educativa, pero tamén cultural, o que ten implicacións no ámbito das finalidades, dos beneficiarios, dos programas a desenvolver e dos profesionais responsables dos mesmos. Mais non se trata tan só dunha actividade inmersa do eido exclusivo do traballo social, se ben é este un dos ámbitos de maior calado e presenza, senón que ocupa moitos outros espacios como os que se agrupan baixo a denominación de “tempo libre”, sen esquecer os escolares e os extraescolares. A educación social se podería entender, partindo dunha perspectiva ampla, como unha “paidocenosis”, tal e como propón Petrus (1998: 30), “un recurso para mellorar a propia sociedade”, pero non para atender tan só aqueles sectores que presenten problemáticas específicas, senón para estender a acción socioeducativa e sociocultural a toda a sociedade, pois “unha das funcións da educación social é, ademais de dar resposta ás necesidades existentes, crear conciencia verbo de cales son os dereitos sociais do cidadán, de todos os cidadáns, e xerar novas demandas de educación social” (Petrus, 1998: 32). Trataríase, xa que logo, de que a educación social, amais de potenciar o seu carácter preventivo ou de intervención en sectores problemáticos ou deficitarios, se converta nun ben ao alcance de toda a comunidade, única maneira de facer posibles aquelas transformacións sociais que teñen que ver coa participación, coa democracia, coa tolerancia ou coa solidariedade. Tamén os poderosos deberían ser reeducados. 
A modo de resumo de todo canto levamos dito, e seguindo as orientacións contidas nos traballos sinalados, entendemos que a educación social -en tanto que estimemos que unha das súas finalidades é a de constituír un dos alicerces no proceso de conformación dunha sociedade máis libre, xusta, solidaria e participativa e no proxecto de recuperación e actualización do ideal ilustrado-, ten diante súa a responsabilidade de atender, entre outros, os seguintes aspectos e ámbitos...

PERES, Américo Nunes, ed. lit. ; LOPES, Marcelino de, ed. lit. - Animação, cidadania e participação . 1ª ed. [Lisboa] : Associação Portuguesa de Animação e Pedagogia (APAP), 2006. 348 p.. ISBN 972-99943-0-7.

No hay comentarios: