un espazo para o estudo da conduta dramática / da pedagoxía teatral

teatro e educación, expresión dramática, expresión teatral, conduta dramática, xogo dramático, xogo de roles... puro teatro


martes, 11 de mayo de 2010

Para aprender a falat


Aprender a falar
MF Vieites

Crónica publicada en Faro da Cultura

As dúbidas existenciais formuladas tempo atrás por Siniestro Total, “¿quiénes somos?, ¿de dónde venimos?, ¿a dónde vamos?”, poderían verse aumentadas, e complementadas, se tamén nos preguntásemos a respecto do que dicimos, de como o dicimos, ou a quen llo dicimos, porque tamén na acción de dicir nos retratamos e nos construímos ante os demais e ante nós mesmos. Hai moitos anos, en 1959 concretamente, Erving Goffman presentaba aquel libro titulado The Presentation of Self in Everyday Life, ao que antepoñía unha fermosa cita de George Santayana na que este sinalaba que as máscaras son ecos admirables, ou que os seres humanos se tiñan que cubrir cunha cutícula. Mesmo sen formulalo dunha maneira explícita, no libro de Goffman intúese o relevo diso que nós denominamos “dramaturxia da situación” ou diso que destacados especialistas en psicoloxía da conduta ou en pedagoxía teatral denominan expresión dramática, é dicir, un modo de conduta desde o rol que está na base da expresión teatral, aquela que implica un actor e un espectador. 

Este libro de Adolfo Lucas está orientado á mellora da nosa expresión analizando aspectos básicos da pragmática da comunicación, cunha linguaxe clara, precisa e ao alcance de moi diversos usuarios, e partindo de ideas chave que conseguen atraer e atrapar aos lectores. Un exemplo: “falar non significa soamente articular palabras. Significa saber que dicir en cada momento e como dicilo”. En efecto, para saber o curso que debe tomar a nosa conduta en cada momento cómpre facermos esa análise da situación e, a partir desa dramaturxia inmediata ou anticipada, actuar en consecuencia, sen esquecer xamais que grazas á nosa capacidade de improvisación poderemos facer fronte aos imprevistos, que, de feito tamén poden estar previstos ou intuídos. En boa medida na nosa conduta diaria adoitamos dedicar bastante tempo a realizar dramaturxias con cursos posibles de acción, analizando circunstancias dadas hipotéticas.  

Por incrible que pareza, ante cada situación a nosa mente produce un remuíño constante de información, moitas veces retida nun nivel subliminar, pero non por iso, polo feito de non ter nós moita conciencia do proceso, inexistente. A veces esa situación tradúcese en estados físicos ante os que reaccionamos dicindo frases como “non sei que teño” ou “non sei que me pasa”, se ben na fin acabaremos por saber o que temos e o que nos pasa. Trátase xustamente de utilizar ese potencial para tirar o máximo partido dunha predisposición case natural, aprendida en milenios de aprendizaxe.

Todo isto ten moito que ver coa arte teatral, pois esa dramaturxia da situación pódese aplicar na realización escénica en moi diversos ámbitos, desde os procesos de construción do personaxe ata na consideración daquilo que José Sanchis Sinisterra definiu, e con acerto, como dramaturxia da recepción, pois tamén aí cabe anticipar esa situación fundamental na que un actor ou actriz se vai confrontar cun espectador nun contexto indeterminado e coa finalidade de presentar un mensaxe concreto. E todo ese proceso require unha preparación na que ningún cabo pode quedar ao abeiro do fluxo da marea. E moitas veces semella que nos espectáculos os elementos aleatorios son bastantes máis dos aconsellables.

Adolfo Lucas entende que non debemos deixar moitas cousas ao azar, e todo, ata os máis mínimos detalles, acaba sendo importante. Por iso concibe un proceso estratéxico da comunicación en público no que o falante debe analizar todas as variables para lograr as súas finalidades. Ese proceso vaise mostrando ao longo de dez capítulos cheos de reflexións, propostas, consellos, exercicios prácticos e explicación de técnicas e recursos.

O capítulo primeiro ocúpase dos elementos fundamentais para falar en público, partido do orador e do auditorio, e dos seus trazos básicos e de como en función deses trazos a conduta se adecúa ao que cómpre en cada momento. O segundo capítulo considera os elementos que poden facer que un discurso fracase, prestando especial atención ao medo, as súas causas e a maneira de vencelo. Logo, no terceiro, xa se nos introduce no que debe ser o discurso, de cómo se debe preparar e dos erros a evitar. No cuarto aparece a importancia da linguaxe non verbal, con consideracións verbo das variables espaciais e xestuais. Máis adiante, xa nos anexos, veremos exercicios para aprender a respirar, de relaxación ou de logopedia, para corrixir hábitos incorrectos. Polo medio outros capítulos relacionados coa entrevista persoal, coa presenza en medios de comunicación, as relacións informais ou o uso de medios audiovisuais.

Tamén polo medio atopamos moi diversas consideracións a respecto das máis diversas cousas, pero sobre todo unha sorte de aproximación básica aos principios nos que se asentan os procesos de expresión, comunicación e recepción, porque toda praxe, como é sabido, aínda que non sempre se queira saber, aséntase nuns saberes, coñecementos e, en moitos casos, teorías, porque estas, as teorías son maneiras de describir o mundo. Nin máis, nin menos.

Como vemos, estamos ante un traballo en aparencia básico, pero en realidade bastante denso, que analiza os aspectos fundamentais do falar en público, e das habilidades e destrezas básicas para desenvolver a nosa comunicación social, mesmo a nosa relación interpersoal, porque esta tamén depende da nosa capacidade de comunicar. Un traballo que bebe nas fontes da retórica e da oratoria, e, por iso mesmo, resulta moi aconsellable para persoas vinculadas coa práctica teatral. Velaí unha das razóns de traelo a estas páxinas. Hai outras. Entre elas, a de que é un libro magnífico, que se pode ler dun tirón pero que invita a volver unha e outra vez ás súas páxinas, porque nos fala de nós, de como podemos ser, de como podemos falar, e actuar en suma, do que queremos ser.

Lucas, Adolfo (2008): El poder de la palabra. Técnicas para hablar en público, Barcelona, Ariel.