un espazo para o estudo da conduta dramática / da pedagoxía teatral

teatro e educación, expresión dramática, expresión teatral, conduta dramática, xogo dramático, xogo de roles... puro teatro


lunes, 10 de mayo de 2010

escola municipal de teatro


Unha Escola Municipal de Teatro. Aspectos básicos

Manuel F. Vieites

Publicamos este fragmento do traballo que se indica no número 53 da Revista Galega de Teatro.

O presente traballo ten como finalidade ofrecer algunhas posibilidades de desenvolvemento dunha Escola Municipal de Teatro situada nun ámbito urbano ou nunha vila dunha certa importancia comarcal e mesmo provincial, considerando que a súa área de influencia abrangue máis territorio que aquel que corresponde ao municipio en si. Nesa dirección, a Escola Municipal de Teatro, sexa cal for a denominación que se elixa para a mesma, pode, e quizais deba, aspirar a ser un centro de referencia para determinados programas de formación teatral nese territorio. Neste informe o abano de liñas de traballo é superior ao que lle correspondería a unha EMT dunha vila ou dun concello de menor entidade, se ben ao partirmos dun abano máis amplo de posibilidades, as consideracións que facemos poden ter utilidade para as EMTs de concellos medianos ou pequenos.
O informe presente ten unha redacción moi precisa e sinxela para evitar convertelo nun exercicio literario. Trátase de presentar ideas que sirvan para imaxinar un escenario no que esa EMT teña unha finalidade e unha rendibilidade social e comunitaria doadas de identificar. Mostramos liñas de traballo moi diferentes e diversificadas para poder igualmente traballar nas que en cada momento parezan máis axeitadas á realidade municipal e/ou comarcal.
Como iremos vendo, a nosa proposta non se centra en exclusiva nas actividades formativas, ao entendermos que unha EMT debe realizar moitas outras funcións, que permiten a implicación dun maior número de usuarios e mesmo que os participantes en actividades de formación poidan complementar eses traballos con outros igualmente importantes, mesmo desde unha perspectiva socioeducativa e sociocultural.

1. UNHA ESCOLA MUNICIPAL DE TEATRO. PERSPECTIVAS, OBXECTIVOS E PROPOSTAS
As finalidades dunha Escola Municipal de Teatro están directamente relacionadas coas necesidades de formación teatral que se poden detectar en diferentes sectores do corpo social, polo que os seus usuarios poden ser moi diversos. Nese sentido, cómpre tentar identificar eses colectivos, analizar se hai intereses común e cales serían as súas diferencias, para propoñer despois un plan xeral de actuación que debe ser revisado e actualizado, ano a ano, ata chegar a un modelo definitivo, que só se pode conseguir co paso dos anos.
Sen embargo, na hora de poñer en marcha unha Escola Municipal de Teatro tamén debemos considerar as súas posibilidades e limitacións. Nese sentido, as EMTs deben buscar e crear o seu propio espacio que pode chegar a ser considerable e pode ter especial relevo na creación, consolidación e diversificación do tecido teatral na súa área de influencia. Deseguida, e de modo moi resumido, imos considerar algúns dos ámbitos fundamentais de actuación dunha EMT, considerando funcións e obxectivos básicos.

Información. Crear marcos, estratexias e medios para que a cidadanía estea informada do acontecer cultural e teatral da vila, da comarca, do país; das actividades que se organizan e das posibilidades de ocupar o tempo libre. Liñas de información que poden gañar diversidade a medida que os axentes sociais implicados participan na súa xestión e desenvolvemento.
Divulgación. A participación nun determinado tipo de actividades, sexa como actor sexa como espectador, implica coñecer esa actividade e comezar a valorala positivamente. Hai un número importante de nenos e nenas que chegan á súa maioría de idade sen ter visto unha obra de teatro o que, en moitas ocasións, incide negativamente na valoración que fan da actividade teatral. As actividades de información (saber o que pasa, saber o que hai) se poden e deben complementar con actividades de divulgación orientadas a fomentar un maior coñecemento dos medios de expresión artística e de creación cultural. As conferencias, os coloquios, as proxeccións de vídeo, as visitas, os folletos e outras actividades e iniciativas poden ter gran importancia na hora de potenciar un maior coñecemento do acontecer artístico e cultural da comunidade. En relación con esta necesidade de informar e divulgar, non podemos esquecer o difícil tránsito que se produce no Estado, e particularmente en Galicia, entre a dictadura e a democracia, que tanto ten incidido no atraso cultural que padecemos e nos baixos índices de consumo cultural (libros, cine, teatro, música...) fronte á constante presión dos espectáculos de masas, fútbol e televisión, fundamentalmente.
Formación. Quizais un dos aspectos máis importantes na medida en que incide en todas as demais funcións e constitúe un elemento revelador e mobilizador. As actividades poden ser moitas e moi diversas, desde a formación para a creación ate a formación para a recepción, sen esquecer as posibilidades da formación para a difusión ou a dinamización. A mellora permanente dos servizos e a diversificación das actividades dunha Escola Municipal de Teatro debe ir acompañada doutras medidas complementarias para: (a) Detectar e avaliar necesidades de formación e deseñar procesos para potenciala, e (b) Establecer canles de cooperación con institucións, entidades, compañías ou grupos, relacionados coa práctica teatral, no deseño posta en marcha e avaliación de procesos de formación teatral.
Creación. Resulta fundamental potenciar procesos de creación teatral, sexa en grupos de teatro escolar, sexa noutro tipo de colectivos (asociacións, residencias da terceira idade, campamentos de verán, comunidades terapéuticas...), afeccionados ou profesionais, pois iso implica potenciar os recursos artísticos da propia cidade, o que ofrece considerables posibilidades para a súa difusión. A creación teatral non só permite valorar e avaliar os programas de formación, senón que constitúe un sólido instrumento para a proxección social de colectivos específicos e, en consecuencia, para a fomentar a maduración, autoestima e compromiso dos seus integrantes, con independencia de que eses productos teatrais constitúan en si mesmos valiosos recursos para novas accións de difusión e dinamización. Os programadores culturais a miúdo esquecen a importancia e as posibilidades dos traballos realizados nos obradoiros teatrais da súa vila ou comarca entendendo que non posúen a calidade necesaria pasa seren presentados diante do público, mais esquecen que o que o público busca nesas funcións non é calidade senón acompañar, desde o patio de butacas, a un familiar, a un veciño ou a un amigo. Por iso, estes espectáculos e propostas escénicas de variado formato, constitúen recursos sumamente eficaces na captación e consolidación de públicos, en tanto que as súas visitas ao teatro obedecen máis a un acto de amizade ou complicidade que a un desexo de consumo cultural elitista. Ó mesmo tempo tamén hai que considerar que na maioría dos casos os espectadores non iniciados, en función da natureza da proposta, teñen unha experiencia positiva o que incide na súa valoración do consumo teatral e na consolidación de hábitos de asistencia a funcións teatrais. Finalmente non podemos deixar de salientar a importancia de traballar para constituír un tecido suficiente que permita que a cidade, ou a vila, pase de ser unha cidade receptora a unha cidade creadora, posibilidade esta última que permite establecer pautas de comunicación e intercambio, de diálogo en suma, con outras cidades e vilas.
Promoción. Organización de todo tipo de actividades que teñan como obxectivo o desenvolvemento comunitario a partir das diferentes tipoloxías de práctica teatral ou a potenciación do feito teatral como práctica artística e cultural e como alternativa para o mellor aproveitamento do lecer e do tempo libre. Partindo desa dimensión comunitaria do teatro, da súa capacidade para potenciar a participación e a estruturación da sociedade civil, cómpre promover e potenciar as iniciativas que veñen tanto do exterior como do interior da comunidade, en tanto que se fai preciso traballar desde a coordinación e a cooperación, de xeito que ningunha actividade ou iniciativa quede illada ou desatendida e non só porque consideremos que todos os recursos son necesarios e importantes, senón porque todos os colectivos deben ter os mesmos dereitos. A discriminación positiva que un concello ou unha deputación pode facer a favor do teatro profesional vai en detrimento do teatro afeccionado e viceversa, e eso acontece cando non están claras as liñas de actuación ou cando non existen políticas integrais como as que aquí propoñemos. A promoción dun colectivo de barrio pode ser tan interesante como a promoción dunha compañía en proceso de profesionalización, do mesmo xeito que unha exposición de escenografías pode ter tanto valor como a posibilidade de contar coa estrea do último espectáculo dun grupo coñecido. A promoción de actividades e iniciativas debe realizarse pensando que sempre hai ou pode haber un grupo de beneficiarios interesados en propostas concretas (pois nada hai máis importante que nada), e partindo das propias dinámicas de información e divulgación que nos poden indicar prioridades, pero que nunca deben ser  exclusivas.
Dinamización. Na perspectiva en que traballamos, para nós “dinamizar" significa potenciar que se tomen iniciativas ou prestar apoio a algo que xa está creado, logo dun traballo de información, divulgación, formación e promoción, ou mobilizar un colectivo que, por diversas razóns, vive problemas que afectan á súa continuidade ou ao seu nivel de actividade. Significa tamén establecer pontes e canles de colaboración entre diferentes persoas e colectivos, de xeito que nunha vila, comarca, cidade ou área metropolitana poida existir unha especie de rede interactiva de recursos teatrais comunitarios, promovendo transferencia de coñecementos, experiencias e materiais de todo tipo; facilitando intercambios, encontros e outro tipo de relacións que vaian máis alá do coñecemento mutuo e poidan xerar dinámicas de verdadeira interacción.
Outro dos aspectos a considerar ten que ver co coñecemento das necesidades de recursos materiais e infraestruturas que padecen moitos dos colectivos de teatro e danza que traballan ou subsisten na cidade e nas vilas. Cómpre coñecer as súas necesidades e fornecelos cos recursos suficientes para que poidan desenvolver o seu traballo, o que normalmente ten que ver coa cesión de locais de traballo ou co aluguer de equipamento de iluminación e son (vai en cursiva para resaltar esa idea). Dinamizar tamén ten que ver coa creación, a difusión e a recepción, en tanto se saiban deseñar procesos e actividades que promovan esas funcións desde a mobilización dos recursos dispoñibles e desde as iniciativas dos cidadáns e dos colectivos en que se agrupan.
Difusión. Por difusión non debemos entender a simple programación de actividades, senón situar esas actividades no marco dun programa de difusión cultural que impregne a vida comunitaria no seu conxunto. As estratexias da difusión e os productos a difundir pasan a primeiro plano pois que se trataría de deseñar programas de difusión cultural atendendo ás características, necesidades e intereses dos diferentes públicos e enmarcar eses programas no marco dun proxecto de desenvolvemento sociocultural no que terían especial incidencia as actividades de información, divulgación e dinamización. Hai que insistir, unha vez máis, que a realización destas actividades e programas por parte dunha EMT non restaría protagonismo ás diferentes Concellerías que agora os desenvolven, senón prestarlles apoios e colaboración desde a formación e os ámbitos próximos á animación.
Recepción. Tan importante pode resultar saber o que se vai difundir, o como, o cando e o porque, como determinar o para quen. Nun país no que o teatro escolar e o teatro para a infancia e a mocidade a penas existen, non resulta rechamante que os cidadáns non vaian ao teatro pois nin o teatro forma parte do seu universo vivencial nin se realizan...