un espazo para o estudo da conduta dramática / da pedagoxía teatral

teatro e educación, expresión dramática, expresión teatral, conduta dramática, xogo dramático, xogo de roles... puro teatro


sábado, 1 de mayo de 2010

drama in education

A educación teatral e o Informe Pisa
Un libro clásico de Gavin Bolton
MV García

Traballo publicado en Faro da Cultura

Poucas veces se dixo que Paul Newman se formou como actor na Yale School of Drama, un dos centros superiores máis notables da prestixiosa universidade de New Haven, creada en 1701. Pouco despois, en 1931, iniciaban alí os cursos de Mestrado, principiando así a promoción de investigacións específicas que contribuirán ao desenvolvemento dos estudos escénicos. Tampouco se sabe moito do feito de que no primeiro cuartel do século XX formadores como Harriet Finlay-Johnson ou Caldwell Cook en Inglaterra, Leon Chancerel en Francia ou Winifred Ward nos Estados Unidos de América, asentaron as bases dun importante movemento que vai situar a expresión e a expresión teatral no centro do currículo. Conscientes do valor educativo do teatro, moitas profesores e profesores apostaron por utilizar as técnicas e procedementos dramáticos para alentar moi diversas aprendizaxes e como medio para que o alumnado adquirise competencias e destrezas ocultas.

A expresión dramática e a expresión teatral ían ocupar un lugar de privilexio no currículo oficial dos centros educativos non universitarios pola simple razón de que posuían un enorme potencial educativo que numerosos investigadores mostraban e demostraban en investigacións e teses de doutoramento que agromaban nos Departamentos de Drama de decenas de universidades do ámbito anglófono e francófono. En 1986 Richrad Courtney publicaba un estudo, Play, Drama and Thought, que aínda hoxe resulta incontestable.

O valor educativo do teatro xa fora mostrado por moi diversos autores, entre os que cabe citar a Nicholas Udall, reitor que foi do Eton College, esa escola privada na que se forman príncipes e aristócratas de medio mundo, e autor da que se ten por primeira comedia de expresión inglesa, a coñecida Ralph Roister Doister. O Eton College aínda hoxe mantén o Drama no centro do currículo pero tamén como unha prestixiada e prestixiosa actividade complementaria, e faino así polo seu potencial educativo nos planos individual e colectivo.

Con independencia do uso que o teatro vai ter como ferramenta de transmisión de ideas, para célebres loitas políticas e relixiosas (o teatro da Reforma e da Contrarreforma), ou en procesos de colonización (as Américas) e descolonización (Irlanda), o uso de técnicas dramáticas ou de escenificación mantívose durante séculos en escolas e universidades en tanto permitía aprender linguas, coñecer aos clásicos ou mellorar notablemente as competencias sociais e comunicativas. Nos países de expresión francesa e inglesa esa tradición deu lugar no comezo do século vinte a una ampla variedade de manifestacións no campo da educación teatral.

Noutros países do norte de Europa a educación teatral tamén prendeu con moita forza. As persoas que len e ventan estudos como o Informe Pisa para mostrar o mal que nos vai e o ben que lles vai aos outros, xamais fixeron saber ao público que os países nos que se obteñen mellores resultados a educación teatral sitúase en primeiro lugar en termos de currículo obrigatorio. A expresión e a creación artística non se considera un pasatempo nin una perda de tempo, cousa de “titiriteiros” senón unha ferramenta fundamental no desenvolvemento da personalidade e un mecanismo fundamental para promover valores e normas, para favorecer actitudes positivas en relación coa adquisición de aprendizaxes. Mesmo se podería dicir que a expresión dramática ou a expresión teatral son poderosas ferramentas contra o fracaso escolar e para converter a aula nun marco de formación para a cidadanía. Todas aquelas persoas que falan de Finlandia como exemplo a seguir deberían analizar con detemento o rol que a educación teatral ten no sistema educativo finés ou o rol que o teatro, afeccionado e profesional, teñen na sociedade finesa.

Quen leve anos tentando introducir procedementos e técnicas dramáticas nas aulas será consciente do seu valor educativo, pero quen ten maior conciencia diso mesmo son os pais e nais que ven como os seus fillos e fillas se transforman, en tanto adquiren competencias das que ningunha outra área se ocupa, nomeadamente o que se relaciona, nunha perspectiva integral e integradora, co desenvolvemento emocional e afectivo, coa conduta expresiva e social, coa creatividade ou coa resolución de problemas. Porque aumenta a motivación e a seguridade para estudar outras cousas. Auctoritas mellor é que potestas.

Gavin Bolton foi un dos máis activos promotores e defensores do movemento que levou ao “drama”, ou expresión dramática, a ocupar un lugar tan importante nas escolas de medio mundo. O libro que agora nos trae a Editorial Galaxia, A expresión dramática na educación, constitúe un clásico na literatura especializada e contén unha ampla e documentada panorámica do que foron os inicios e os períodos máis importantes dese movemento fundamental do que agroma a Pedagoxía teatral. Ocúpase tanto de cuestións históricas como de cuestións máis teoréticas, pois que se trata, como se sinala no subtítulo, de ofrecer “argumentos para situar a expresión dramática no centro do currículo”.
Trátase dun libro de excepción, seguramente moi iluminador para todas aquelas persoas que traballan nas nosas aulas con técnicas e procedementos dramáticos, ou que impulsan nas nosas escolas as actividades teatrais, e que define con claridade como a educación teatral se debe deixar aconsellar pola psicoloxía evolutiva e cognitiva para promover esa separación disciplinar entre Expresión dramática e Expresión teatral e para sinalar as liñas de continuidade entre ambas. Un libro magnífico para que moitas outras persoas saiban do potencial educativo e formativo do teatro. Para poder falar con propiedade do Informe Pisa, e mellorar as nosas escolas.