A pedagoxía teatral como disciplina e como especialidade de estudos.
Apenas un bosquexo
MF Vieites
Este traballo vaise publicar na Revista Galega de Teatro, no próximo número. Para poder ter acceso ao artigo completo, visite a páxina web desta publicación no seu número 63.
No presente artigo queremos mostrar liñas básicas de traballo na constitución dunha Pedagoxía Teatral entendida como área de coñecemento que se ocuparía do estudo sistemático da educación teatral nunha perspectiva xeral, e considerar igualmente a posibilidade de conformar unha titulación específica para enfrontar a necesaria formación de especialistas no campo da educación e da animación teatral. Reflexións motivadas por normativas recentes, derivadas da adecuación das ensinanzas artísticas superiores ao Espazo Europeo da Educación Superior.
Semella que, finalmente, e de forma totalmente inesperada e polo mesmo especialmente gratificante, o Real Decreto que vai regular a estrutura e contidos mínimos dos estudos superiores de Arte Dramática vai incluír no currículo común a todas as especialidades un bloque de contidos coa denominación de Pedagoxía, do que se terán que derivar algunhas disciplinas académicas...
(...)
Con todo, malia as perspectivas escasas con que conta a educación teatral neste país pero contando con ese feito incontestable que supón o recoñecemento da dimensión disciplinar da Pedagoxía teatral, paga a pena dedicarlle unhas liñas a unha cuestión relevante, para tratar de establecer posicións, aclarar algúns conceptos e, sobre todo, evitar converter a Pedagoxía teatral en calquera outra cousa alén do que realmente debe ser, o que esa denominación nos propón, nin máis pero tampouco nin menos. Exemplos recentes mostran o uso espurio e deturpador que se pode dar aos estudos en Pedagoxía teatral, con tantas complicidades.
O sintagma “pedagoxía teatral” tense utilizado de maneiras moi diferentes, non sempre atentas, na nosa opinión, ao campo fundamental que invoca, que non é outro que o das ciencias da educación. Quizais por iso deberiamos ir ao substantivo, “pedagoxía”, partir de todo o que ese primeiro vocábulo connota e denota, para despois considerar o adxectivo, “teatral”, e orientar finalmente o proceso. Ricardo Nassif (1975: 3, 36, 39), na súa magnífica Pedagogía General, comentaba que “una cosa es la pedagogía y otra la educación; una cosa es el objeto y otra, la ciencia que de él se ocupa”. Para o profesor arxentino, a Pedagoxía viría ser a ciencia que se ocupa do estudo da educación como unha actividade sistemática e propoñía que “si la educación es una actividad intencional, la pedagogía debe preocuparse por regularla, dirigirla o conducirla; pero como, al mismo tiempo, se ofrece como un hecho real o como un dato, tendrá que describirla, explicarla o comprenderla.” Finalmente concluía que a pedagoxía se debe entender como a “teoría y práctica científica de la educación”.
Partindo das propostas de Nassif e doutros autores e autoras que se moven no mesmo paradigma, a Pedagoxía teatral sería aquela ciencia, e disciplina, que se ocupa do estudo sistemático da educación teatral coa finalidade de describir e explicar o que é esa educación, así como definir as súas modalidades e ámbitos. Non se ocuparía, sen embargo, da acción educativa nunha perspectiva procedimental, en tanto esas dimensións, a práctica, a metodolóxica ou a tecnolóxica, serían máis propias da Didáctica e, en boa lóxica, das didacticas a construír para cada unha das grandes áreas de coñecemento na educación teatral. Nesa dirección, a nosa proposta en torno ao que poida ser a Pedagoxía teatral estaría na liña do que tamén se define como Teoría xeral da educación teatral. Pero ademais dunha ciencia, tamén entendemos que o sintagma pode designar un marco disciplinar que acolle outras disciplinas ás que a Pedagoxía teatral ofrece o seu potencial teórico, arredor do que constrúen o seu propio discurso....